xoves, 25 de abril de 2024

A Coruña de Villalta

 

Seguindo o ronsel dos magnificos telexornais das Letras Galegas que durante anos crearon no CPI dos Dices de Rois, varios centros concertados da Coruña (agrupados en Escolas Católicas) animámonos a realizar un video documental sobre a figura de Luísa Villalta, a escritora homenaxeada este ano no Día da Letras Galegas.

O resultado é o que temos arriba. Un gran traballo que recolle as diversas facetas da poeta coruñesa: a súa familia, infancia e mocidade; a súa paixón pola música; o seu labor docente e a pegada que deixou; o seu compromiso como poeta; e tamén a súa morte, inesperada e prematura.

Temos que felicitar a todos os rapaces e rapazas que participaron, do noso Fogar e tamén dos outros centros (Esclavas, Compañía de María, Santa María del Mar, Dominicos, Franciscanos e Grande Obra de Atocha). 

Un gran traballo!

luns, 4 de marzo de 2024

Encontro con Andrea Maceiras


Onte, luns 4 de marzo. tivemos a sorte de contar coa visita de Andrea Maceiras, a autora de Alma de elefante. Este trimestre, todo sexto de Primaria gozou coa lectura desta novela. A autora coruñesa reservou parte da mañá para achegarse ao Fogar e compartir cos nosos nenos e nenas a súa experiencia como escritora. 

Tivemos tempo de facerlle moitas preguntas e Andrea falounos de como se inspirou para escribir o libro nunha viaxe polo sueste asiático, de como foi desenvolvendo os personaxes e a trama, de como comezou a súa vocación de escritora, das súas obras literarias preferidas...

E tamén tivo a amabilidade de asinar libros para todos os rapaces e rapazas que trouxeron os seus exemplares. Esperamos seguir contando, no futuro, coa visita doutros autores galegos






domingo, 18 de febreiro de 2024

Día de Rosalía 2024

Aproxímase o Día de Rosalía. Será este venres, 23 de febreiro. En tal data de 1837 naceu, en Santiago de Compostela, a nosa galega máis universal, Rosalía de Castro. Unha muller que conseguiu converterse na impulsora do Rexurdimento da literatura galega con poemas hoxe traducidos a ducias e ducias de idiomas: inglés, francés, alemán, ruso, xaponés, éuscaro, hebreo, turco, hindi, guaraní...

Para celebrar o Día de Rosalía, este ano, entre outras actividades, preparamos o vídeo que puidestes ver arriba. Un gran traballo colaborativo no que nenos e nenas de todas as etapas (desde Infantil ata Bacharelato), coas súas familias, fixeron a recitación dun dos seus poemas máis célebres: «Miña casiña, meu lar», tamén coñecido como «Caldo de gloria». Graciñas mil a todos: pequenos, pais, nais, avós, avoas... Un gran traballo!

Foi un proxecto, ademais, no que tamén colaborou profesorado de diferentes seminarios: o de Lingua Galega, o de Tecnoloxía e o de Plástica e Debuxo. 

Ah!, e se queres saber máis sobre a figura de Rosalía de Castro, aquí deixamos estoutro vídeo. Feliz Día de Rosalía!!!!!

venres, 2 de febreiro de 2024

Pardo de Cela, un heroe nos Séculos Escuros


Todas as culturas do mundo teñen e tiveron os seus propios heroes: na Grecia clásica (Ulises), na Bretaña medieval (Rei Artur), en Castela (O Cid), en Escocia (William Wallace)... Ás veces, estes héroes estaban por riba dos humanos comúns e mesmo moitos deles eran semideuses. 

En Galicia, a tradición popular tamén creou os nosos propios heroes que forxaron a historia desta terra. Un deles non loitou con bestas máxicas e era un simple mortal, mais foi quen de realizar unha xesta que podemos considerar imposible: enfrontouse aos deuses da súa época, os Reis Católicos, converténdose nun símbolo e nun dos personaxes máis míticos e lendarios de Galicia: Pedro Pardo de Cela.

Esta figura foi tan significativa para o pobo galego que conservamos dous textos escritos que contan a súa historia: un en verso, o Pranto da Frouxeira, e outro en prosa, Relazón da carta executoria. Ambos os dous de finais do século XV, unha época en que a literatura galega comezou a quedar fóra da expresión escrita e que coñecemos populamente como Séculos Escuros.

 k k k k fdmkdkllmfkd

luns, 29 de xaneiro de 2024

Metáforas e adiviñas

Estes días andamos en sexto de Primaria a traballar os recursos literarios (a personificación, a hipérbole...). Un dos máis importantes e empregados é a metáfora

A metáfora é ese recurso no que se relacionan dous elementos con algunha semellanza entre si (sen usar partículas comparativas). Estes elementos serían o Termo Real (R) e o Termo Imaxe (I). Así, se dicimos:

Os teus dentes son perlas brillantes

Temos unha metáfora que relaciona o Termo Real (R) dentes co Termo Imaxinario (I) perlas brillantes. Evocamos daquela a imaxe duns dentes brancos e relucentes como perlas.

As adiviñas populares tamén recorren con moita frecuencia ao recurso da metáfora. Por exemplo:

Ten un dente e tira pola xente (Solución: a campá)

Nesta adiviña, o Termo Real (R) campá relaciónase co Termo Imaxinario (I) [boca] dun só dente; é dicir, o badalo da campá sería o único dente dunha boca. Se somos hábiles recoñecendo os elementos da metáfora, tamén temos máis doado dar coa solución da adiviña. 

Queres practicar? Os alumnos e alumnas de sexto de Primaria prepararon este vídeo para convidarte a «xogar ás adiviñas». Adiante! Cantas das resolvido?

sábado, 11 de novembro de 2023

O acento diacrítico

O acento diacrítico utilízase, sen ter en conta as regras xerais de acentuación, para diferenciar na escrita dúas palabras que se escriben igual pero teñen distinto significado e tamén se pronuncian de xeito diferente.


A miúdo úsase o til diacrítico para diferenciar unha palabra con «o» ou «e» abertos fronte aos pechados: 

óso [‘ɔso] ‘parte do esqueleto’ / oso [‘oso] ‘animal plantígrado’. 

Ou tamén para distinguir palabras tónicas fronte a átonas: 

é [‘e] ‘verbo «ser»’ / e [e] ‘conxunción copulativa’

Estas son algunhas das palabras que en galego levan acento diacrítico:


Se unha palabra leva acento diacrítico debe mantelo aínda que se escriba unida a outra palabra, así: 

É o que hai / Éche o que hai
O profesor as notas / O profesor as.  

Aquí e aquí tes algunhas actividades en liña para practicar. Adiante!

domingo, 5 de novembro de 2023

Magosto e Samaín 2023

Estamos no outono. Tempo de celebracións tradicionais como o Samaín e o magosto. O venres pasado puido respirarse no Fogar un gran ambiente festivo. Xogos tradicionais, meigas, mortos viventes, lobishomes... e tamén o castañeiro coas súas castañas asadas! Aquí deixamos unhas pouquiñas imaxes desta xornada máxica.







E, para rematar, un vídeo para aprendermos un chisco máis sobre estas tradicións de noso.